Thursday 02 de May de 2024

Letras, música tradicional e flores para García Martí na Pobra


A Pobra do Caramiñal vive unha fin de semana cultural coa homenaxe a un dos seus referentes literarios: Victoriano García Martí, fillo predilecto da localidade. A quinta edición do ciclo dedicado ao escritor e xornalista comezou neste venres 5 coa ofrenda cívica na praza que leva o seu nome. Previamente a música tradicional estivo soando polos espazos da vila ao ritmo de Os Caraveiros, grupo que se encargou de toca-lo himno galego no momento no que o alcalde, José Carlos Vidal, e a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, colocaron o arranxo floral fronte ao busto antes da quenda das intervencións.

Na liña de reivindica-lo lugar que merece no panorama cultural centrouse a edil. Lojo destacou a importancia de manter vivo o seu legado con iniciativas da natureza deste ciclo. Quixo tamén salientar que o Museo Valle-Inclán custodia o fondo documental, bibliográfico e fotográfico cedido pola familia, representada durante o acto na figura de Santiago Bermejo, quen manifestou o orgullo que supoñen estas xornadas.

Pola súa parte, o rexedor afirmou que García Martí “é un dos mellores ensaístas de toda Galicia” e que existe unha débeda contraída con este escritor, polo que este ciclo se erixe como unha maneira de saldala. Neste senso, reiterou a determinación do Concello da Pobra do Caramiñal de traballar arreo a este respecto e contribuír a proxecta-lo intelectual máis alá do ámbito local.

Deseguido, a atención desprazouse ao interior da casa do concello para a inauguración da mostra Memorias admirables do El Duque de Él, con explicación a cargo do director do Museo Valle-Inclán, Antonio González. A dita exposición componse de seis paneis con imaxes de García Martí e extractos de cartas doutros persoeiros galegos (Antonio Villar Ponte, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ramón del Valle-Inclán, Ramón Otero Pedrayo e Eduardo Blanco Amor) que reflicten os lazos de amizade, ademais dunha reflexión do propio Victoriano García Martí sobre a dignidade humana.

A programación remata no sábado 6 coa lectura de textos do autor sobre A Pobra do Caramiñal, ás 19.00 horas, e a presentación da novela ¡Una más!… (1932), edición facsimilar, con Xesús Laíño Briones-Arén. Ámbalas citas terán lugar no Auditorio do Museo Valle-Inclán.